A Alcaldesa de Porriño, Eva García solicitará a David Regades, delegado da Zona Franca unha reunión para abordar o proxecto de “Cidade do Transporte” que o Consorcio decidiu instalar no noso termo municipal. A petición desa entrevista é un dos temas tratados hoxe pola alcaldesa con Indalecio Cuevas, presidente da directiva da asociación empresarial Entidade Urbanística de Conservación Polígono de A Granxa.
Concello e representación patronal agardan coñecer as últimas novas sobre o estudo de alternativas de localización da Cidade do Transporte que precisaría ó redor de 100.000 metros cadrados e proximidade ás principais vías de comunicación que conectan Porriño con Vigo para poder aparcar de 200 a 500 camions diarios. A instalación que estaría vixíada contaría ademáis con habitacions, vestiarios, restaurante, suministro de combustible e taller de reparacions.
O dirixente empresarial e maila alcaldesa repasaron no encontro celebrado na casa consistorial porriñesa outras demandas pendentes coma a implantación de transporte público para atender ós milleiros de personas que traballan nos polígonos industriais de Porriño ou a necesidade de dotar a ese espazo dunha gardería infantil.
No que atinxe ó transporte, Eva García sinalou que o Concello “respalda dende hai tempo esa demanda dos empresarios radicados nos polígonos”. Estimase que diariamente unha poboación flotante de 35.000 persoas acuden a traballar ós polígonos de O Porriño e carecen dunha opción de transporte público en autobús, segundo trasladaron tanto Indalecio Cuevas coma Eva García. Con respecto a petición dunha gardería infantil, a alcaldesa lembrou que o Concello xa cedeu unha parcela á entidade empresarial. Non obstante Concello e empresarios van estudar outras posibilidades para poder acometerla e dar servizo ás familias de traballadores dos polígonos porriñeses.