O Concello do Porriño anunciou hoxe o segundo dos galardóns desta primeira edición dos Premios Antonio Palacios, o tocante ao ámbito cultural.
Este premio homenaxea a aqueles que, coa súa creatividade e paixón, manteñen vivas as nosas tradicións e fomentan a innovación cultural e/ou artística. Por iso, a entidade local deciciu que o I Premio Antonio Palacios á Cultura será para o Almanaque Agrícola ZZ , de Syngenta, unha publicación que trascende as nosas fronteiras e deixou unha importante impronta na Galicia do século XX.
Historia do Almanaque Agrícola ZZ
O Almanaque Agrícola ZZ nace no 1953 da man da empresa Zeltia no Porriño e sortea a censura publicando en galego e cunha ideoloxía galeguista, logrando sobrevivir ante os cambios na empresa e convertíndose nunha das publicacións galegas periódicas máis lonxevas e máis importantes no seu ámbito.
A principios dos anos 50 a División de Agroquímicos de Zeltia pensaba que necesitaban publicitar os novos productos e avances técnicos entre a poboación do medio rural a través dunha canle axeitada. Así naceu o Almanaque Agrícola ZZ, saíndo por primeira vez á rúa con distribución gratuíta e tirada anual.
Os agricultores e gandeiros tiñan no Almanaque ZZ un instrumento inmensamente útil, unha ferramenta que entendían e usaban na práctica. O seu éxito, que se foi renovando ao longo dos anos mantendo sempre a súa peculiar estética, radica precisamente niso, nos seus contidos útiles como os ciclos da lúa para as sementeiras, os produtos recomendados polos laboratorios para combateren as pragas do campo ou as enfermidades do gando, predición meteorolóxica. Toto isto completado con contos breves, refrans do gusto popular, ilustracións e unha marcada impronta cultural. A día de hoxe, o Almanaque Agrícola ZZ segue a publicarse da man de Syngenta sendo a publicación comercial en galego máis lonxeva.