O Centro Cultural Municipal acolle mañá mércores, ás 19 h, a presentación e coloquio arredor do libro A nunca vista, de Ana Abad de Larriva, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2022, publicado pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

No evento intervirán Roberto Pascual, director artístico da MIT e dramaturgo, e Irene Moreira, directora escena, xunto coa autora; nun encontro e diálogo aberto coas persoas asistentes.

Ana Abad de Larriva é escritora e actriz, ademais de exercer nos últimos anos como coordinadora do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño.  Cultiva diferentes xéneros literarios e dedícase especialmente á dramaturxia e á poesía, ademais de crear as súas propias pezas escénicas. Ademais do Premio Abrente por A nunca vista, obtivo outros recoñecementos, como o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, ,convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por A sombra das árbores, en 2019; o Premio de Microteatro da Memoria, da Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por Un biolo na noite, en 2021; ou a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego por Bailar no ceo, en 2022.