A empresa ‘Teimas Desenvolvemento’, en colaboración coa Concellería de Limpeza do Porriño, que dirixe Orlando Márquez, veñen de poñer en marcha o proxecto ‘Tropa Verde’ que ten coma finalidade concienciar ás veciñas e veciños do Porriño da importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos.
Esta iniciativa, como explicaron este mércores en rolda de prensa Marta Morán, dinamizadora de ‘Tropa Verde’, Ricardo Vila, socio de ‘Teimas Desenvolvemento’ e o propio Orlando Márquez, segue un proceso de participación moi sinxelo: os participantes teñen que inscribirse na webtroparverde.org e cando leven os seus residuos a un punto limpo, ou avisen aos servizos municipais de limpeza que pasen a recoller algún obxecto dos coñecidos coma ‘voluminosos’, usen os colectores de aceite ou os ‘Mini Puntos Limpos’ para deixar neles pilas, lámpadas, cartuchos de impresora, toner ou CDS, entre outros obxectos, obterán un cheque cun código que deberán introducir na devandita web.
Entón, recibirán uns puntos, chamados ‘estrelas’, que poderán trocar por produtos e descontos no comercio e na hostalería local.
Coma indicou o concelleiro, ‘Tropa Verde’ conta coa colaboración de 25 establecementos do Porriño que son os encargados de ‘recompensar’ aos bos recicladores con ‘premios’ que abranguen varias categorías: Hostalería, Comercio, Cultura, Deporte, Saúde, Infantil ou Estética, de xeito que quen recicle pode lograr dende cortes de pelo de balde, pasando por descontos en tendas de moda, agasallos de libros ou galanos sorpresa.
Orlando Márquez subliñou que é “moi importante” lograr que as veciñas e veciños usen correctamente os Puntos Limpos, que empreguen os colectores de aceite, que reciclen, nos ‘Mini Puntos limpos’, cargadores, cartuchos de tinta, baterías ou teléfonos móbiles, e que fagan un bo uso do Servizo de Recollida de Voluminosos, “que pasa os días 1 e 15 de cada mes con so chamar ao Concello se calquera cidadán quere desfacerse de mobles, electrodomésticos ou obxectos de grande tamaño que non poden deixarse no lixo”.
‘Tropa Verde’, que xa funciona, ademais, nos concellos de Compostela, Lugo, Sarria, Ames e Redondela, estará colaborando co Concello do Porriño durante un prazo inicial dun ano, aínda que a intención do Goberno local é que ese tempo se prorrogue se a experiencia é positiva.