A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello do Porriño deseñou unha programación de celebración do Día das Letras Galegas, con propostas varias para públicos diversos, axeitada ás limitacións que impón o estado de alarma.


Un deles foi un concurso de debuxo infantil baixo o lema “Debuxa celebrando o Día das Letras Galegas”. Os traballos remitidos ata o pasado 10 de maio polos rapaces e rapazas participantes, xa están publicados na web do departamento de Cultura.

Debuxa celebrando o Día das Letras Galegas

Por outra banda, a Biblioteca Municipal sumouse á celebración do Día das Letras coa publicación nas súas redes sociais de sete post, un por día, que rematará o mesmo domingo 17, destacando os sete aspectos máis salientables de Carvalho Calero.


Outra das iniciativas da programación da Concellería de Cultura foi “Voces para Ricardo Carvalho Calero”, unha actividade de declamación. A través das voces de veciñas e veciños do Porriño e contorna, dáse a coñecer a obra deste autor. O resultado desta lectura plural pódese comprobar nun vídeo que tamén está colgado na web de Cultura.

Por último, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística proponnos un xogo de nivel de coñecemento sobre o autor homenaxeado este ano coa ocasión do Día das Letras Galegas que se celebrará o vindeiro domingo 17 de maio.
Trátase de comprobar canto se coñece de Ricardo Carvalho Calero e pódese facer en familia e cos amigos. A Concellería advirte que este xogo está optimizado para a súa execución en computadores ou tablets, mentres que en teléfonos móbiles ou smartphone poden aparecer algúns erros de visualización debido ao pequeno formato destes dispositivos.