Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras inspeccionou este mediodía a execución de diversos traballos de arranxo de beirarrúas no Polígono Industrial de A Granxa que está a realizar o departamento que dirixe con medios propios e persoal contratado coa colaboración do Plan Concellos da Deputación.
Os traballos de arranxo desenvólvense en dous tramos da Avenida Principal do Polígono atendendo ao compromiso acadado pola concelleira Moure Varela coa asociación empresarial “Entidade Urbanística de Conservación A Granxa”. Despois de levantar as beirarrúas en mal estado, aplícase unha capa de formigón co resultado que se pode apreciar en algunha das imaxes.
Por outra banda, a concelleira de Vías e Obras tamén comprobou o desenvolvemento dos traballos para levantar un muro de contención de 47 metros de perímetro no lugar de Carreira, en Cans que se está a executar polo seu departamento. “Trátase de resolver o perigo que existía para o acceso ás vivendas pola caída dunha parede, atendendo a unha petición da veciñanza”, manifestou Lourdes Moure.