A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada polos voceiros dos grupos municipais recibirá o vindeiro xoves, día 12, ao xefe de Área de Pasos a Nivel do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para tratar do proxecto para a supresión do paso a nivel polo centro da vila.
Para a elaboración deste proxecto, a proposta de Presupostos Xerais do Estado, aprobada a semana pasada polo Consello de Ministros, contempla unha partida orzamentaria de 880.000€, segundo recolle na mesma o Ministerio de Fomento, como aparece no borrador dos Orzamentos entregados no Congreso dos Deputados.
A xuntanza servirá para expor, polo miúdo, o devandito proxecto que, coma reiterou Eva García de la Torre dende que asumirá á Alcaldía, pasa “ineludiblemente”, en primeiro lugar pola garantía “total” da seguridade dos milleiros de persoas que transitan cada día por este lugar e, “coma xa acordara a Corporación unanimemente, por un trazado que deixe de dividir a O Porriño evitando que os trens sigan pasando polo centro”.
A alcaldesa sostivo, en cada contacto que mantivo, tanto co Ministerio de Fomento, coma con ADIF, a necesidade de que se cumpran estas dúas condicións e así o expuxo o pasado mes de setembro na visita que fixo a O Porriño a directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, á que se lle reiterou a “negativa por parte do Concello a calquera trazado que supoña seguir mantendo as vías no medio da vila”.
García de la Torre amósase “expectante” ante a proposta que faga o xoves ADIF e reitera, como fixo dende a primeira xuntanza que mantivera en Madrid cos seus responsábeis, a “nosa vontade de diálogo e de colaboración para poñer fin logo de décadas de intentos por cada goberno local, a esta situación inxustificábel”.