María Luisa Domínguez Gónzalez, directora xeral de Planificación e Proxectos do ADIF vén de confirmar que recibirá o vindeiro xoves 19 de setembro, ás 11 da mañán, á alcaldesa Eva García. A reunión en Madrid, froito das persistentes xestións do Concello de Porriño ante o Ministerio de Fomento, será para dar forma ó futuro convenio que posibilite executar o soterramento da vía férrea e eliminar o actual paso a nivel.
O Goberno Municipal de Porriño entende que ese futuro convenio debería ser participado polas catro administracións públicas (Estado, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e o propio Concello) para asumir de xeito conxunto a financiación da obra.

Tratase de dar continuidade ás xestions realizadas hai un ano pola alcaldesa coa presidenta do ADIF, Isabel Pardo de Vera que citou a Eva García en Madrid. Naquela reunión, de data 31 de agosto de 2018, a presidenta do ADIF comprometeuse a retomar a proposta unánime dos grupos municipais e dos colectivos sociais e económicos de Porriño para suprimir o paso a nivel como evidenciouse na histórica manifestación do 1 de xuño dese ano.

O paso a nivel existe en Porriño dende 1948. A súa supresión é unha demanda histórica que se reforzou a partires do accidente de hai tres anos cando o Tren Celta descarrilou por exceso de velocidade o que provocou catro mortos e perto de medio centenar de feridos.