Os Concellos de Porriño e Tomiño, ambos declarados “Cidades Amigas da Infancia” pola UNICEF, van colaborar mutuamente en políticas para os nenos e nenas nos seus territorios. Así estableceuse despois dunha primeira reunión de traballo que mantiveron na casa consistorial porriñesa.

A alcaldesa de Porriño, Eva García acompañada pola concelleira de Educación Lourdes Moure recibiron á Concelleira de Xuventude do Concello de Tomiño Fátima Rodríguez. Na reunión de traballo, na que participou tamén persoal técnicos de ambos concellos, acordouse compartir información, resolver dúbidas e por en común o traballo que se está a realizar en cada concello en materia de infancia.

A representación de Porriño explicou polo miúdo as boas prácticas que están a desenvolverse desde o Concello no ámbito da participación infantil e adolescente. A colaboración con Tomiño é unha posibilidade que pode implementarse noutras localidades para traballar de xeito coordinado con outros concellos que foron tamén recoñecidos en 2018 como “Cidades Amigas da Infancia” por parte de UNICEF, como por exemplo Redondela.