A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de poñerse en contacto coa xefa de servizo do Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño para amosarlle seu apoio e poñerse a súa disposición ante a situación que está a sufrir o persoal do mesmo.
García de la Torre lembra que o servizo neste PAC vense prestando en equipos de dous médicos e dous enfermeiros que fan gardas de 17 ou 24 horas cada catro días: 8 médicos e 8 enfermeiras que cobren todos os días, as noites e as fins de semanas do ano.
Nos vindeiros días, por mor das vacacións de Nadal, baixas por enfermidade ou excedencias, o equipo contará con catro médicos menos o que suporá que os outros catro terán que realizar o mesmo traballo que facían oito.
A alcaldesa considera esta situación “intolerábel e inaguantábel” e denuncia á Xunta de Galicia por someter a estes profesionais a unha presión e carga de responsabilidade totalmente insoportábel e por “tratar ás veciñas e veciños do Porriño cunha falta de respecto insultante e consideralos coma cidadáns de segunda”.
Eva García de la Torre lembra que no pasado Pleno, no que se aprobara, a proposta de EU-Son, e co voto en contra do Partido Popular, pedir a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a responsábel de sanidade do grupo municipal do PP insistiu, mesmo increpando a postura do resto dos concelleiros da Corporación, que O Porriño conta cun bo servizo de saúde e gabou o traballo da Xunta neste sentido.
A alcaldesa subliña que a xestión de Alberto Núñez Feijóo e do seu conselleiro de Sanidade no que atangue á atención sanitaria das porriñesas e porriñeses pódese resumir nunha palabra:desprezo.
Este abafallo amósase no feito de que non ten consideración algunha polos médicos e enfermeiras que traballan no Porriño, non ten intención de mellorar os actuais servizos: nin o centro de saúde, nin ten en conta as súas necesidades en radioloxía, saúde mental ou pediatría.
Aquel desprezo amósase de xeito máis descarado no silencio diante das constantes solicitudes por parte do Goberno local do Porriño para manter unha xuntanza cos responsábeis da Consellería de Sanidade, solicitudes, como sucede con varias das remitidas por correo electrónico, que se eliminan sen abrilas sequera.