Afortunadamente non houbo feridos pero hai que lamentar graves daños materiais na capela do Cristo como consecuencia do accidente que aconteceu hoxe en torno ás 10,40 da mañá.
Un guindastre de grandes dimensións derrubouse e bateu contra o tellado da capela e tamén alcanzou ao edificio de Telefónica na súa cuberta como podese ver nas fotos.
Os danos na capela son moi importantes xa que afectaron á cuberta do templo. Tras unha primeira inspección constatouse que as imaxes relixiosas están indemnes.
A caída o guindastre tamén ocasionou danos nun muro de peche do Hotel Parque.
Eva García, alcaldesa de O Porriño xunto con outros membros do goberno municipal e as forzas de seguridade (Guardia Civil e Polícia Local) Bombeiros e Protección Civil acudiu ó lugar para coñecer o alcance dos danos.
A zona está acordoada. No transcurso da tarde iniciaron os traballos para retirar o artefacto.
Segundo as primeiras pesquisas, a causa do accidente foi un fallo estructural ocasionado nun bulón que soporta a base do guindastre. Cando aconteceu o accidente o guindastre non tiña carga.
A alcaldesa do Porriño nunha primeira declaración sobre os feitos sobre o accidente indicou que “dentro do estado de alarma no que nos atopamos, ainda hai que agradecer que tanto o parque infantil como a capela do Cristo estiveran pechados e baleiros, de xeito que non temos que lamentar máis que danos materiais”.