Preto de 350.000€, que son sufragados na súa totalidade polo Concello, son os que se investirán en levar a rede municipal de abastecemento de auga ao barrio do Contrasto, en Torneiros.
As obras, que se axustan exactamente ás instrucións da Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente do Goberno de Galicia, comezaron esta mesma semana e, segundo salientou a alcaldesa, Eva García de la Torre, estarán rematadas no prazo de 3 meses o cal suporá que a finais do verán “todas as vivendas desta zona do Porriño terán auga da traída”.
García dela Torre cumpre deste xeito o compromiso, persoal, que asumira coas veciñas e veciños afectados logo da aparición de refugallos de lindano, tal e coma asegurara nas diferentes xuntanzas que mantivo con eles ao longo dos meses pasados.
O Concello, lembra a alcaldesa, asumiu ata hoxe a totalidade dos custos das accións que se levaron a cabo no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario,a colocación nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros -nalgún caso ata dous-“que se enchen cando o demandan as veciñas e veciños”; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”, ou o dobre asfaltado da zona na que se realizaron as obras do saneamento no seu día.
Polo que respecta ao proxecto para levar a rede municipal de saneamento ata O Contrasto, o Consorcio de Augas do Louro, do cal a alcaldesa do Porriño é a presidenta, rematara o mesmo no pasado mes de decembro, apenas un mes despois de que aparecesen os restos do lindano, e presentouse á Xunta para a súa avaliación e autorización.