A Unidade móbil de Doazón de Sangue estará no Porriño diante da cafetería Scala –na rúa Domingo Bueno-este xoves, día 29, o venres, 3º de xuño-os dous días de 9 e media da mañá a 2 e media da tarde e de 4 da tarde a 9 da noite- e o sábado, 1 de xullo, de 10 da mañá a 2 da tarde.
A doazón de sangue è un acto seguro, sinxelo e necesario para axudar a moitas persoas. En xeral, poden doar sangue persoas maiores de 18 anos -se cumpren 65 anos poden continuar co permiso do seu médico-, con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, sífilis, SIDA).
Os homes poden doar un máximo de 4 veces e as mulleres 3 veces ao ano; deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Non se debe acudir sen almorzar e despois de xantar hai que deixar pasar 2 horas.
Polo #DíaMundialdodoadordesangue entrevistamos a algúns dos que non dubidan en compartir vida a diario. #DiaMundialdeldonantedesangre pic.twitter.com/neOmhUvW2S
— ADOS (@doadoressangue) June 14, 2017
De cada doazón de sangue é posible obter tres compoñentes sanguíneos: Glóbulos vermellos, necesarios para intervencións cirúrxicas, transplantes de órganos, hemorraxias debidas a accidentes de tráfico. Os mesmos duran ata 42 días; Plasma: Contén proteínas para o tratamento de grandes queimados ou transplantes de fígado e consérvase ata 2 anos, e Plaquetas: para o tratamento de enfermos con cancro ou leucemia, transplantes de medula ósea. Tan só duran 7 días.
Unha doazón de sangue pode beneficiar a máis dun enfermo, xa que os tres compoñentes sanguíneos adoitan utilizarse por separado. A Axencia de Doación de Órganos e Sangue (ADOS) subliña que as épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os enfermos coinciden co verán, polo que é necesario salientar a importancia deste acto solidario para cubrir as necesidades dos hospitais e fai un chamamento a un grupo especial de doadores universais que son moi importantes nas Urxencias: sangue do grupo cero negativo hai pouco – só 7 de cada 100 doadores – e urxencias moitas tódolos días.
O teu sangue pode cambiar o destino de moitas persoas. Doa vida, doa sangue. pic.twitter.com/ucATpOFWK0
— ADOS (@doadoressangue) June 22, 2017
Os porriñeses son solidarios
O Porriño acadou o pasado ano 2016 unha taxa de 69 doazóns por cada 1.000 habitantes e, como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “temos que manter as cifras dentro do que recomenda a Organización Mundial da Saúde: 40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes”.
A alcaldesa quere facer un agradecemento especial as persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. “Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo cada día unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos”.
As persoas que precisen máis información poden entrar na web ados.sergas.es, no perfil de Twitter: @doadoressangue ou no de Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue.