O Porriño, 18 de abril de 2026. Os tres grupos con representación municipal no Concello do Porriño —BNG, PSdeG PSOE e PP— acordan por consenso incluir na orde do día do vindeiro pleno ordinario a concesión dunha rúa a Adoración Carrera Rodríguez, máis coñecida como Dora Carrera. A proposta busca renomear a actual rúa Correos, lugar onde residiu ata o seu falecemento o pasado 5 de abril. A proposta presentarase e debatirase o vindeiro luns, 27 de abril, en sesión plenaria logo de chegar xa a ese consenso unánime en comisión informativa.

Este consenso unánime das forzas políticas reflicte a importancia dun legado que transcende siglas e que converte a Dora nun referente eterno de solidariedade e compromiso social en Galicia.

Dora Carrera foi unha das nais fundadoras da Asociación Érguete. No seu legado está a loita contra a droga e o narcotráfico, xunto un árduo traballo na desestigmatización dos drogodependentes.

A labor desta muller porriñesa foi clave na creación dun movemento asociativo pioneiro en Galicia, baseado no apoio ás familias e na reinserción social. Ademáis ese grupo de nais loitadoras contra a droga, tamén tivo un papel importante na xeración do feminismo galego.

A día de hoxe, a Asociación Érguete segue a traballar para xerar oportunidades e prestar servizos a persoas e familiares afectados por conductas adictivas, disruptivas ou de risco, impulsando a súa inclusión e fomentando hábitos de vida saudables, tendo sempre en conta a perspectiva de xénero.

Ademais Dora era unha persoa moi querida no municipio. O seu recente falecemento conmoveu profundamente a toda a veciñanza do Porriño, que lembra nela non só a unha loitadora incansable, senón a unha muller de gran calidade humana que adicou a súa vida a ofrecer unha segunda oportunidade a quen máis o precisaba. Comezou co seu fillo, Esteban, pero logo foron os fillos de toda unha xeración.

A súa testemuña foi buscada nas últimas décadas por diferentes medios de comunicación de ámbito local, nacional e incluso internacional. Tamén o seu pasamento foi noticia lutuosa en xornais de todo o país, o que pon de manifesto que a súa figura foi fundamental no só no Porriño senón en toda Galicia e máis aló das nosas fronteiras.

Con este nomeamento, O Porriño non só rende tributo a unha veciña senlleira, senón que asegura que o exemplo de entrega e coraxe de Dora Carrera, permaneza vivo no corazón da vila e institucionaliza o agarimo de toda a veciñanza.