- O investimento de case 450.000 euros permitirá utilizar as pistas durante todo o ano e mellorar a eficiencia, accesibilidade e imaxe do polideportivo
O Porriño, 16 de febreiro de 2026.- As obras de mellora integral do Complexo Deportivo Municipal do Porriño avanzan a bo ritmo, coa cuberta das dúas pistas de pádel exteriores e a renovación completa da contorna do polideportivo, nun proxecto cun investimento de case 450.000 euros.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou os traballos, onde destacou a importancia dunha actuación “moi agardada pola veciñanza e polos clubs deportivos que empregan estas instalacións a diario”.
A intervención estrutúrase en dúas grandes liñas. Por unha banda, cubriranse as dúas pistas de pádel exteriores mediante unha estrutura independente que abranguerá tanto as superficies de xogo como as zonas de paso anexas. A solución permitirá manter o carácter aberto e ventilado da instalación, garantindo protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e permitindo o seu uso durante todo o ano.
Por outra banda, acometerase unha transformación integral da contorna exterior do complexo, coa renovación das zonas axardinadas existentes, a creación de novas áreas verdes mediante xardineiras, a instalación de mobiliario urbano e un xardín vertical na fachada acristalada da piscina. Este elemento vexetal mellorará a integración estética do edificio e reducirá o impacto térmico, aumentando a eficiencia enerxética.
As obras inclúen tamén o acondicionamento do chan do ximnasio e a mellora do teito do pavillón 2, optimizando as condicións de seguridade e confort nunhas instalacións moi utilizadas por usuarios de todas as idades.
O investimento total ascende a 448.968,48 euros, dos que 204.404,30 euros proceden do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID II) e o Concello aporta 244.564,18 euros con fondos propios.
Durante a visita, Alejandro Lorenzo subliñou que “esta era unha demanda histórica da veciñanza: poder utilizar as pistas de pádel sen depender do tempo. Ao mesmo tempo, aproveitamos para facer unha mellora integral dun espazo clave para o deporte local, facéndoo máis moderno, eficiente e agradable”.
Con esta actuación, o Concello do Porriño segue avanzando na modernización das infraestruturas deportivas municipais e na creación de espazos públicos de calidade que promovan unha vida activa, saudable e sostible.

