- O pregón a cargo da histórica Comparsa Matices, de Javier Fernández, autor do cartel desta edición, e dos gañadores do Concurso Escolar de Carteis do Entroido deu inicio á festa
- Máis de 24 comparsas e máis de 2.000 participantes en total, con premios de case 30.000 euros, facendo do Entroido unha celebración masiva e colectiva
O Porriño, 14 de febreiro de 2026.- O Porriño deu este sábado o pistoletazo de saída ao seu Entroido 2026 cunha xornada marcada pola emoción e pola memoria colectiva. Esta edición ten un fío condutor moi especial: a homenaxe a Joaquín Diz, coñecido como “Cuquín”, antigo traballador municipal e figura moi querida pola veciñanza, que ao longo dos anos se converteu nun símbolo do Entroido porriñés. A súa imaxe protagoniza o cartel oficial desta edición, obra de Javier Fernández Alonso, gañador do Concurso Escolar de Carteis, quen estivo presente no pregón xunto á histórica Comparsa Matices e aos demais gañadores e gañadoras do concurso. “Para min é unha honra enorme que o meu debuxo represente o Entroido do Porriño. Quixen transmitir alegría, pero tamén cariño e respecto por Cuquín, porque forma parte da historia viva da nosa festa”, destacou Javier Fernández Alonso do Colexio Santo Tomás durante a súa intervención.
O pregón foi o punto de partida dunha celebración que se estenderá do sábado 14 ao mércores 18 de febreiro, cun amplo programa para todos os públicos. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “o Entroido define perfectamente o espírito do noso pobo: é unha festa feita na rúa, en comunidade e con moita participación veciñal. Este ano engadimos un compoñente emotivo e humano, lembrando a Cuquín, que estará moi presente, como sempre o fixo el, ao longo de toda a programación, especialmente no Enterro da Sardiña”.
As comparsas, corazón do Entroido
As comparsas son o auténtico corazón do Entroido e este ano contarán con máis de 24 agrupacións e máis de 2.000 participantes de todas as idades. Participarán grupos cun mínimo de 20 compoñentes, distribuídos en dúas modalidades: infantil, ata os 12 anos, e adultos, a partir dos 13. O Concello do Porriño destina case 30.000 euros en premios que se repartirán segundo o número de integrantes de cada comparsa, reforzando o papel central destas agrupacións na animación da festa. Desde a Comparsa Matices, resaltaron a vinculación persoal que tiñan con Cuquín: “Coñeciamos ben a Cuquín, que para nós sempre foi o rei do Entroido. Levamos anos vivindo esta festa desde dentro e sabemos que o máis importante é a xente. Para nós é unha honra ser as pregoeiras. O Entroido do Porriño faise na rúa, compartindo, e este ano ademais facémolo lembrando a alguén que sempre estivo aí, apoiando e participando”.
Unha xornada chea de festa e actividades
A programación do sábado arrancou pola mañá coa animación de charangas e batucadas polas rúas do municipio, quentando motores para o pregón e o tradicional Xogo da Ola. Coincidindo co Día dos Namorados, a Tuna Feminina da Universidade de Salamanca tamén percorreu as rúas do Porriño, contribuíndo á festa e á animación. A continuación, tivo lugar o xantar na rúa, amenizado pola Charanga Cantos Somos. Pola tarde celebrouse o Gran Desfile de Comparsas, que partiu do Pavillón Municipal de Deportes e finalizou na Praza Arquitecto Antonio Palacios, acompañado dun show especial de Pablo Méndez. O primeiro día pechouse cunha gran verbena coa Orquestra Olympus e unha sesión DJ, poñendo o broche musical a unha xornada xa inesquecible.
E nos vindeiros días…
O domingo 15 e o luns 16 estarán especialmente dedicados ao público infantil, con obradoiros, inchables e actividades na Praza Arquitecto Antonio Palacios, coincidindo coa exposición do V Concurso Escolar de Carteis do Entroido, que poderá visitarse tamén de luns a venres de 9:00 a 20:00 no Centro Cultural Municipal. Estas actividades buscan fomentar a participación das familias e dos máis novos, mantendo viva a tradición e a creatividade entre as novas xeracións.
O Martes de Entroido será o segundo gran desfile de comparsas, que percorrerá as rúas desde San Sebastián ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, facendo sentir de novo a presenza masiva das agrupacións e a vitalidade da festa. Ao rematar o desfile, a música continuará coa actuación da Charanga Louband, mantendo a animación nas rúas e facendo do Entroido unha experiencia colectiva e participativa.
A programación culminará o mércores 18 co tradicional Enterro da Sardiña. Ao igual que o día anterior, a partir das 17:00 horas, as charangas animarán as rúas, mentres que no Círculo Recreativo Cultural terá lugar o velorio da sardiña, acompañado polas Pranideiras, con entrada libre. Ás 18:00 comezará o acompañamento da sardiña polas rúas do Porriño ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde ás 19:00 se proxectarán fotos de Cuquín, haberá micro aberto e lectura do testamento da sardiña. O acompañamento final ata o río Louro poñerá o broche final a cinco días de festa cheos de emoción, tradición e identidade local.
Segundo o alcalde Alejandro Lorenzo, “o Entroido do Porriño non é só diversión; é unha festa profundamente humana, chea de lembranza, emoción e cariño. Este ano quixemos que fose tamén unha celebración da memoria de Cuquín, unha persoa que para todos nós foi o rei do Entroido, un símbolo da nosa identidade e do vínculo co noso pobo. O que conseguimos cada ano é posible gracias á implicación de todas e todos: comparsas, asociacións, centros educativos, familias e veciñanza en xeral, que fan do Entroido unha experiencia compartida, auténtica e viva. Con cinco días de música, cor e tradición, continuamos mantendo viva a nosa historia, fortalecendo a comunidade e demostrando que a unión e a participación son a alma desta festa. A mensaxe é clara: Que dea comezo o Entroido 2026! Viva O Porriño!”

