A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX do Concello do Porriño convocan o III Concurso Escolar de Carteis de Entroido como xeito de promover esta festa entre a veciñanza, sobre todo entre o sector da poboación máis nova.
Poderá participar o alumnado dos centros educativos do Porriño con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, así como o alumnado de Aceesca.
Establécense tres categorías de acordo coa idade, nas que haberá, para cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en artigos de material escolar. E escollerase un cartel gañador de entre todas as persoas participantes, que será a imaxe oficial para promover o entroido do Concello do Porriño 2024. A persoa autora deste cartel acompañará ao pregoeiro do entroido no balcón da casa consistorial.
Cada centro poderá participar con ata cinco carteis por categoría e a participación será individual. Os carteis poderanse entregar ata luns día 29 de xaneiro no Centro Cultural.
Valorarase a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral do cartel, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade. Todas as características técnicas, contido e xeito de presentar os debuxos recóllense nas bases, expostas para a súa consulta no Taboleiro de Anuncios do Concello, na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística e nas redes sociais desta Administración.
Tódolos carteis serán expostos ao público no vestíbulo do Centro Cultural, así coma no blog do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e nas súas redes sociais durante as festas do entroido.