O Concello do Porriño adianta a redacción de proxectos de obra de saneamento en todas as parroquias do termo municipal e no centro urbano, co obxectivo de axilizar ao máximo os trámites administrativos necesarios.
 
A tal fin, o Goberno Municipal aprobou este luns no pleno a súa proposta de inversión para a redacción dos proxectos e os traballos de topografía. O gasto total da execución das actuacións pendentes de proxectar, derivadas do Plan director do Consorcio de Augas do Louro ascende a 9.383.912 euros, e a estimación dos gastos para a redacción dos proxectos ascende a 404.709 euros.
 
“Contar cos proxectos listos, con todos os informes sectoriais das correspondentes administracións e, no caso de ser preciso, a cesión de terreos por parte de particulares é necesario para executar as obras. Todo este procedemento é algo que soe retrasar bastante os traballos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais ao dispoñer dos proxectos e a documentación necesaria preparada podemos optar de maneira case inmediata ás diferentes subvencións ou axudas que se oferten”.
 
Trátase pois de dar unha resposta máis áxil e eficaz a este problema que arrastra O Porriño dende hai anos e que é, sen dúbida, unha das maiores necesidades que presentan as súas parroquias. “Traballamos para avanzar da maneira máis rápida e eficaz cara o saneamento integral do municipio”, concluíu o rexedor, “Este foi sempre un dos nosos principais compromisos e o será ata que consigamos que todas as vivendas do Porriño estean conectadas á rede de saneamento”.
 
Cabe destacar que hai un ano o municipio tiña pendentes de execución obras de saneamento por valor de 14 millóns de euros e na actualidade restan 11 millóns.