O Concello do Porriño vén de dar o primeiro paso para implantar o programa de atención temperá no municipio. Falamos dun servizo moi demandando no Porriño consistente nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (ata 6 anos) e á súas familias, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades permanentes ou transitorias que poidan presentar as nenas e nenos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, informaron ao persoal de pediatría do centro de saúde do Porriño do inicio das xestións para implantar este servizo, valorar e coordinar con eles as medidas a tomar.
“A atención temperá permite que se poidan detectar dificultades do desenvolvemento con maior prontitud e que os nenos e nenas, polo tanto, poidan recibir atención profesional canto antes, algo de vital importancia nunha poboación como a do Porriño cun alto índice de natalidade”, explicou o rexedor, “As pequenas e pequenos que nacen no noso pobo e as súas familias deben contar con toda a atención posible que se lle poida prestar desde as administracións”.
Pola súa banda, a concelleira explicou que “xa se solicitou a subvención da Consellería de Política Social no marco da Rede Galega de Atención Temperá para poder poñelo en marcha no Porriño á maior brevidade posible”.