O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 150 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.
A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato mediante o cal a clínica veterinaria Canis, sita no Porriño, levará a cabo a esterilización de 120 femias e 30 machos. O importe da campaña ascende a 9.540 euros.
Utilizarase o sistema CES (Captura, Esterilización e Solta) para evitar o crecemento descontrolado da poboación de gatos. Un equipo de voluntarias e voluntarios acreditados polo Concello encargaranse de coller aos animais e facer o seu seguimento.
“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.
No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.