A venda de entradas comeza o vindeiro luns 2 de agosto

A segunda edición do festival Sons da Canteira, evento organizado polo Concello do Porriño, volverá o próximo 28 de agosto á canteira en proceso de restauración de Vilafría, no Porriño, para encher de música e proxeccións o seu impactante escenario de pedra. O evento está motivado polo afán de recuperar o territorio e por utilizar para actividades culturais espazos que antano tiñan outro uso.

“Sons da Canteira” é un evento organizado pola Concellería de Cultura do Porriño e producido por Doppler Gestión Cultural.

 

O cartel desta edición estará formado polo trap galego, flow costumbrista o twerking rural de Boyanka Kostova; o pop, disco e trap de Verto; o folklore africano, a electrónica e o dancehall da lisboeta Pongo que ofrecerá en Sons da Canteira o seu único concerto en España; os sons eclécticos de Mounqup, que estreará no festival o seu novo espectáculo de gran formato, “Akelarre AVS Extended Show”; polos sets variados e transversais da DJ Teresa Ferreiro; e polo grupo local de danza e música tradicional Os Penediños de Atios.

 

Entradas e accesos

 

As entradas para esta edición de Sons da Canteira poderán mercarse a partir deste luns 2 de agosto na web sonsdacanteira.gal, tendo un desconto do 25% durante as dúas primeiras horas de venda. Despois disto, o prezo das entradas será de 24 €/persoa a entrada individual e en parellas, e de 22 €/persoa para grupos de catro e seis asistentes.

Para facilitar o acceso á Canteira de Vilafría, a organización porá a disposición dos usuarios e usuarias autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (ás 17h00, 17h30 e 18h00). Á hora de facer a compra, cada persoa poderá escoller o horario de autobús que mellor se lle axuste, xa que este será o único xeito de acceder cun vehículo ao recinto do festival. Unha vez no recinto, a pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos pertinentes durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Do mesmo xeito, o festival implanta nesta edición un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións e desprazamentos durante os concertos.

 

Sustentabilidade e apoios

Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade e distanciamento social para un aforo reducido de 500 personas ao aire libre. O festival ten, ademais, persoal dedicado en exclusiva á limpieza e xestión de residuos.

 

O enclave natural no que se celebra hai un claro protagonista: o granito. Un recurso natural con altos valores de durabilidade, reutilización e reciclabilidade, entre outras características, o que fan del un dos materiais máis sustentables.

Como sustentable quere ser Sons da Canteira, o festival suscríbese dende este ano a unha política que aposta pola cultura galega, pola presenza de artistas femininas, pola colaboración con entidades locais, e pola minimización dos seus impactos ambientais, contribuido así a facer deste entorno un lugar mellor e deste xeito contribuir dende o local a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible.

 

As bandas

PONGO

Os ritmos do folclore africano interactúan coa música electrónicaKuduru e dancehall únense nesta sólido artista lisboeta nacida en Angola que fai vibrar as pistas de baile, recentemente galardoada nos Music Moves Europe Talent Awards a novos talentos europeos. A piques de debutar con Universal, o seu último traballo, Colors, soará no escenario Sons da Canteira.

 

MOUNQUP

Dinamizadora cultural e creadora de música e videocreación francesa establecida en Galicia, no seu último traballo investiga a comprensión das súas raíces na natureza galega. Premiada a nivel internacional, a artista fai no Sons da Canteira a estrea mundial do seu LP Aquelarre coa primeira produción multidisciplinar de gran formato ‘Akelarre AVS Extended Show’.

 

BOYANKA KOSTOVA

Fan trap galego, flow costumista e twerking rural. Son o grupo revelación da Nova Canción Galega 2.0. Beben de bandas como Ghostemane, de clásicos galegos como Ana Kiro, Os Resentidos ou Malandrómeda. No 2019 lanzaron o seu primeiro disco e no 2020 fixéronse virais con Os dous de sempre, onde se xuntan trap e muiñeira.

 

VERTO

Pop, disco e trap compoñen as cancións de Verto. O dúo compostelán arrasa no escenario e en Spotify, con cancións emblemáticas como Oie Gayego ou Algo que non sexa. Debutaron en 2019 con Amolecer e Rebolando x ti. Acaban de presentar a súa versión da famosa Muiñeira de Chantada.

 

TERESA FERREIRO

Investigadora musical, activista pro-feminista e pro-LGBTQ, harmonizadora de ritmos de diferentes orixes e xéneros, a súa ampla formación como DJ levouna ás pistas dos mellores clubs e festivais culturais.

 

OS PENEDIÑOS DE ATIOS

Recoñecidos no mundo da danza e da música tradicional, este grupo local do Porriño, que na pasada edición sorprendeu ao público acompañando a Baiuca, volverá subir ao escenario de Sons da Canteira.

Festival Sons da Canteira 2021