Duascentas persoas, a unha media de 40 por día, foron atendidas na primeira semana de funcionamento da oficina de información á veciñanza sobre a actualización de parcelas feita polo Catastro e que afecta a 17.400 propiedades.

Hai que ter en conta que dende a última revisión de valores que data de 1985, esas 17.400 parcelas pasan a ter consideración de chan urbano e polo tanto pasan do padrón de rústico ao de urbana. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.

Ante o gran número de afectados, a alcaldesa Eva García interesou da Xerencia do Catastro e do Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) e xestionou que dispuxeran este punto de información que está a funcionar desde o pasado luns 19, para aclarar dúbidas é consultas sobre a actualización da cualificación das parcelas, realizada pola Xerencia Territorial do Catastro en aplicación da lexislación vixente.


O punto de información situouse no propio salón de plenos. Funciona de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas.
Para ser atendido hai que solicitar cita previa chamando por teléfono ao número 986 335000 marcando a extensión número 7 (Alcaldía). Tamén pódese pedir cita previa a través da App “Bandomóbil, O Porriño Informa”.

Neste intre a cita previa chega xa ata o xoves 5 de agosto. A previsión é que este servizo prorrogue o seu funcionamento, no caso de ser necesario.