Os votos conxuntos do PP e de Manuel Carrera obrigaron a deixar enriba da mesa, a tramitación do Plan Estratéxico de Obras de Mantenento en Vías Municipais e Saneamento que a Concellería de Vías e Obras, dirixida pola socialista Lourdes Moure, levou hoxe a ditame pola Comisión Municipal de Economía. O devandito Plan, cun investimento previsto de 730.000 €, está baseado nunha moción que presentara o PP no pleno de abril, aprobada por unanimidade. Unha primeira proposta de plan plurianual da Concellería, levada ao pleno de maio, quedou pendente para matizar cos voceiros que foron chamados a consultas.
Segundo a concelleira Lourdes Moure “das reunións con Manuel Carrera e Alejandro Lorenzo e Pedro Pereira concluímos que había acordo coas actuacións descritas no Plan aínda que formularon algunhas propostas concretas que temos recollido”, indicou a responsable de Vías e Obras.
Tan só as concelleiras de EU SON non acudiron á convocatoria de reunións previas realizada pola concelleira Moure.
Hoxe, na Comisión Municipal de Economía, o Plan Estratéxico de Obras non se ditaminou. Os tres votos favorables a súa tramitación (2 PSOE e 1 BNG) foron derrotados por 5 votos en contra. “Produciuse, de xeito inesperado, unha pinza entre os concelleiros do PP e o voceiro de UDDL para obstruir o traballo desta concelleira”, explicou Lourdes Moure.
O catro concelleiros do PP pediron deixar enriba da mesa o asunto, proposta que contou co respaldo de Manuel Carrera. EU SON non asistiu.
Lourdes Moure valorou que “a pinza que fan PP e Manuel Carrera o que intentan é obstruir e non permitir que esta Concellería de Vías e Obras faga o seu traballo”. A segunda tenente de alcalde lamentou a “falla de coherencia dos que presentan mocións queixándose que todo está fatal e reclamando que hai que arranxar O Porriño”.
A concelleira reclamou “unha política sinceira de mellorar Porriño, tanto desde o goberno como na oposición” e pediu que “nos deixemos de pataleos, non vaia ser que o faga ésta e non o fixeramos nós”, rematou Moure.