O número de parados volve a baixar no Porriño e en xaneiro deste 2017 había traballando na vila 272 persoas máis que hai un ano
O número de parados descendeu o mes pasado no Porriño en 11 persoas, segundo os datos difundidos este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.833 desempregados menos anotados na oficina do Servizo Galego de Emprego.
Isto supón que dende o mes de xaneiro de 2016 o paro baixou no Porriño en 272 persoas, pasando do 24,28 ao 21% nun ano, un descenso de preto dun 3,5% nos pasados doce meses, cando había 2.105 veciños que estaban na procura de traballo.
O Porriño é un dos tres concellos da Área Metropolitana de Vigo nos que baixou o paro que, medrou na mesma en 861 persoas, pasando de 37.497 a 38.358. Ademais os datos do concello contrastan cos da provincia de Pontevedra, onde o desemprego sube en 2.242 persoas, cos de Galicia, no que xaneiro rematou con 6.164 desempregados máis, un incremento de preto do 3% en relación co mes de decembro, e cos do conxunto de España, onde 57.257 persoas perderon o seu emprego o mes pasado.
Dacordo cos datos oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o paro en O Porriño reduciuse en 306 persoas, pasando de 2.139 desempregados en xuño de 2015 a 1.833 este mes de xaneiro.
A alcaldesa aínda que amosa a súa satisfacción pola baixada do desemprego na vila, prefire optar pola precaución e insistir que a creación de emprego é “a principal preocupación e o primeiro obxectivo do Goberno local”.
Eva García de la Torre reitera que hai que seguir incrementando o esforzo para impulsar a formación, a cooperación coas empresas radicadas na vila e “axudar, apoiar e favorecer a actividade económica no Porriño, tanto no eido industrial, nos servizos e no comercio local que son o cerne e a base da creación de emprego no concello”.