O Concello do Porriño ven de ser distinguido por A Nova Peneira durante a II Gala organizada polo xornal. Ao acto, que tivo lugar no restaurante Manolo, asistiron máis dun cento de persoas, entre elas os alcaldes de Cangas, Ponteareas, As Neves e Gondomar, ademais de alcaldesa do Porriño, e voceiros e representantes de diferentes partidos, entre eles os concelleiros do Porriño, Soledad Girón, do Partido Socialista, Marcelino Coto, de UDDL, Pedro Pereira, voceiro do BNG, e Pedro Ocampo, portavoz municipal de EU SON.

Ao inicio do xantar, Eva Garcia de la Torre deu a benvida ao Porriño aos asistentes e felicitou aos responsábeis de A Nova Peneira polo seu traballo ao longo dos últimos anos, “facendo chegar puntualmente a información do que acontece preto de nós, algo que é hoxe tan necesario”.

Ao final do evento, amenizado polos músicos Mini e Mero, fundadores de Fuxan os Ventos foi o momento da entrega de premios: o Concello do Porriño foi distinguido co recoñecemento Institucional, galardón que recolleu a alcaldesa no nome de toda a Corporación.