Este mes de decembro a distribución de alimentos levouse a cabo entre o 17 e o 22 con entrega a domicilio, realizada por voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos SOS Porriño e por voluntarios da Asociación de Protección Civil.

 

Na actualidade, a proporción de destinatarios dos lotes de comida diminuíu algo.  Agora están atendidas 350 familias do Porriño, polo que se estima que 1.000 persoas recibiron eses lotes.

 

A entrega realízase en casa desde novembro como consecuencia das restricións anticovidas e, sobre todo, “para evitar a vergoñenta imaxe das colas de fame” segundo declarou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

Ao lote habitual de comida que recibe cada familia, neste mes de decembro engadíronse algúns extras grazas ás doazóns de empresas como “Coren” que regalaron 200 capóns conxelados e “Ceamsa” que regalaron caixas con produtos de Nadal. Os capóns entregáronse a familias con máis de 3 membros.

Por outra banda, hoxe mércores no Multiusos de Torneiros entregaronse xoguetes educativos e de mesa para 70 nenos e nenas porriñeses de 48 familias máis desfavorecidas que foron seleccionados polos Servizos Sociais.  A entrega fíxose aos seus pais que foron convocados para este fin.