A Consellería de Sanidade comunicou ao Concello que O Porriño continúa coas mesmas restricións que tiña. Non hai cambios despois da reunión de avaliación que mantivo o comité clínico coa Xunta.
O Porriño mantense en nivel medio-alto de restricións o que significa aforos do 30% no interior dos establecementos de hostalaría e do 50% nas terrazas; catro persoas sexan ou non conviventes por mesa e peche ás 17 horas. Tamén continúa o peche perimetral aínda que a mobilidade está permitida con Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar.
Por outra banda, os porriñeses poderán beneficiarse dun axuste do Plan de Nadal da Xunta que anunciou esta mañá o conselleiro de Sanidade. O antedito Plan contempla unha ventá de mobilidade que permitirá as viaxes dos galegos entre concellos, aínda que haxa peches perimetrais. Esa ventá estará activa entre as 0 horas do 23 ata as 23 horas do 25.
Hoxe, a partir das 13 horas, haberá unha nova reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se comentarán as últimas novidades. No que atinxe á evolución no Porriño, hoxe o SERGAS comunicou 65 novos casos diagnosticados no concello e unha incidencia acumulada superior a 250.