A melloría no Porriño segue a confirmarse como acreditan os 62 casos activos de infectados, segundo comunicou hoxe o SERGAS. Supoñen unha notable rebaixa dos que tiñamos hai unha e dúas semanas atrás, segundo valorou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid que celebrou reunión telemática, presidida pola alcaldesa Eva García.
Á vista da contrastada melloría que reflicten os datos, o goberno municipal tomou a decisión de autorizar a celebración do mercado dos martes, a partir do vindeiro 8 de decembro aínda que con certas restricións. A decisión trasladouse hoxe aos representantes dos demais grupos políticos da Corporación na reunión de comisión de seguimento na que participaron os membros do goberno local e os responsables da Policía Local e Protección Civil.
O concelleiro delegado de Mercados, Sergio Casal explicou que acordou hoxe cos representantes dos vendedores ambulantes que tan só autorizarán instalar en cada quenda a un 50% dos ambulantes, é dicir, uns 70 postos. O postos con número impar asignado, montarán o día 8 e os postos con número par, o farán o día 15. Esa cadencia manterase á expensas da evolución dos datos da pandemia.
O mercado ambulante dos martes, non se celebra no Porriño dende o 27 de outubro por decisión municipal cando se adoptaron a primeira batería de medidas de prevención contra a Covid.