O Porriño continúa a ser un dos concellos en alerta vermella por incidencia acumulada de contaxios na área sanitaria de Vigo xa que “a situación segue a ser grave”, segundo valorou a alcaldesa Eva García. Actualmente hai no Porriño 80 infectados confirmados pola Covid e 254 persoas máis que están ílladas como contactos estreitos en seguimento.
Estes datos así como as medidas a desenvolver polo Concello analizaranse o vindeiro luns 16, na reunión da Comisión Municipal de Seguimento convocada para as 13 horas e participada polo goberno local e os grupos políticos da corporación.
Eva García participou onte na reunión telemática que o conselleiro de Sanidade mantivo cos alcaldes e alcaldesas da área de Vigo que están no ámbito do peche perimetral vixente dende o sábado 7.
A alcaldesa porriñesa demandou os datos concretos da incidencia no concello e acadou unha información máis detallada de Julio García Comesaña e o seu equipo. Segundo os datos que lle deron, entre os 80 casos confirmados activos hai 5 traballadores, veciños do Porriño, que proceden dun gromo nunha industria cárnica con máis de 40 afectados.
En canto ás 254 persoas monitorizadas no Porriño e que deben gardar illamento, trátase de todas aquelas que como familiares, conviventes e laborais que tiveran contacto cun caso positivo ata 48 horas antes de ser diagnosticado e illado.
Á vista destes datos e da continuidade do Porriño en máximo nivel de alerta, a alcaldesa reiterou a apelación á veciñanza para que cumpra cos protocolos e acepte as medidas restritivas que son para protexernos e non para amolar a ninguén”, declarou.