300 participantes tomarán a saída na XVI Marcha BTT Faro de Budiño, na que colabora a Concellería de Deportes

BudiñoBike-Canteiros, coa colaboración da Consellería de Deportes do Concello do Porriño, que dirixe Manuel Carrera, organiza o vindeiro domingo, día 26 de marzo, a XVI Marcha BTT Faro de Budiño, sobre un percorrido de 30 quilómetros que sairá do Centro Cultural A Forna ás 9 e media da mañá, pasará pola Picoña, en Salceda, Couso e Atios, para volver A Forna sobre a 1 e media da tarde. Alí os participantes poderán quedar a comer lacón con grelos.

Un ano máis, coma salientou Manuel Carrera, o Concello do Porriño colabora con esta proba, “a máis numerosa da provincia na súa especialidade, con preto de 300 participantes, e unha das máis importantes de Galicia”.

O concelleiro sinalou durante a presentación da proba, que a mesma “amosa a importancia da actividade deportiva no Porriño que é referencia e distintas modalidades, entre elas a da bicicleta de montaña”.

Os organizadores lembraron que esta marcha non ten carácter competitivo o que supón que a dureza da proba está na exixencia que se fagan a sí mesmos cada un dos participantes o cal é un dos seus principais atractivos, xunto coa posibilidade de gozar da beleza do Porriño, algo que non sería posible sen a aportación das distintas comunidades de montes locais, “en especial da Comunidade de Montes de Budiño” .