Hoxe xoves, na segunda xornada do Festival de Cans, a meirande parte da actividade de tarde e noite concentrase no entorno do Concello. A partir das 19 horas chegarán a banda de gaitas“Os Zoqueiros” para amenizar a icónica “procesión de chimpíns” que sairá coa comitiva oficial de autoridades e invitados, dende a praza Arquitecto Antonio Palacios. Despois dun percorrido por diversas rúas, a procesión de chimpíns rematará no Círculo Recreativo Cultural onde terá lugar (20 h.) a proxección de “Eroski Paraíso”, coa presenza de Jorge Coira e Xesús Ron, directores da cinta, elenco de actores e outros membros do equipo técnico. No reparto de este filme figuran Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias.


Tamén na praza do Concello concentraranse outras actividades como a gastronómica “Tapas de cine”, concurso de videoclips coa presentación de 19 traballos, e de remate un concerto a cargo de “Aries”, novo proxecto musical de Isabel Fernández Reviriego, a partir das 23,30 horas.