A Xunta licitou hoxe as obras dunha nova senda peonil en Budiño, na Vaquería, que comezará a construírse no verán cun investimento de máis de 250.000 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe no Concello esta actuación, que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade na estrada PO-510 na Vaquería.
A Plataforma de Contratos da Xunta recolle esta contratación e fixa de prazo ata o 21 de maio para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
Está previsto que as obras comecen en agosto
Martínez Allegue concretou que se prevé que comecen as obras da senda en agosto para que poida estar a disposición da veciñanza de Budiño na primavera de 2025.
O obxectivo deste itinerario é permitir desprazamentos a pé en condicións de seguridade na parroquia de Budiño, en concreto neste tramo da PO-510.
Trátase de reforzar a seguridade e a mobilidade dos peóns nun treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.
Detalle das obras da senda peonil na Vaquería
A senda, que terá unha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, será de formigón e terá 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 cm, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.
Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión.
O proxecto tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.
O Plan de sendas de Galicia contempla outra senda en Budiño
Estas intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis.
Na súa intervención, a conselleira lembrou ademais que o departamento que dirixe ten planificada outra senda para esta zona de Budiño, un itinerario de preto de 1 km pola marxe dereita da estrada PO-407. Destacou que será un novo espazo seguro para tránsito peonil nunha zona con vivendas e de acceso ao colexio público Cruz de Budiño.
Detallou que o pasado venres comezou o proceso de información pública desta actuación co obxectivo de aprobar definitivamente o proxecto no outono para licitar as obras no primeiro trimestre de 2025, cun investimento de máis de 400.000 €.
Tamén subliñou que nos vindeiros días quedarán rematadas as obras de humanización das rúas Progreso e Buenos Aires, tras a mobilización dun orzamento de 1 M€ por parte do Goberno galego.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu na importancia desta obra, moi importante e demandada pola veciñanza de Budiño, que xunto coa nova senda peonil que continuará ata o colexio do Budiño, garantirá a seguridade de peóns e vehículos na zona. “Seguimos dando pasos para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no Porriño, e este é un gran paso xa que se trata dun treito especialmente inseguro para os peóns”, concluíu.