Grupos de música e solistas emerxentes terán unha nova oportunidade de promoción no Porriño: volve TES TALENTO?.
Como nas anteriores edicións, o certame busca descubrir novos talentos e promover aos/as músicos/as emerxentes da contorna.
“Hai anos preguntámonos se había talento no Porriño e a resposta foi moi clara: hai talento! Hai moito talento na vila e o menos que podemos facer dende o concello é dalo a coñecer”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Así, tras anos sen convocarse, o novo executivo decidiu recuperalo atendendo á demanda da veciñanza.
A inscrición abrirase o día 16 de agosto e rematará o día 26 de agosto, de luns a venres en horario de 9 a 14 h nas dependencias do rexistro do Concello do Porriño.
Haberá dúas modalidades, infantil e adultos. En ambas poderán presentarse grupos ata un máximo de catro compoñentes e o tempo de actuación será de tres minutos como máximo.
Un xurado formado polo concelleiro de Festexos, tres especialistas no campo artístico musical e unha persoa funcionaria do Departamento de Cultura e Festexos que designe o Concello, será o encargado de outorgar os premios.
O gañador desta edición farase con 400 euros e a gravación dun tema ou vídeo promocional, o segundo cun premio de 250 euros e o terceiro cun premio de 150 euros. Para os tres finalistas infantís, un lote de produtos escolares e trofeo.
A fase preliminar (audicións pechadas ao público) celebrarase o día 3 de setembro. As/os seleccionadas/os disputarán as semifinais, que terán lugar o día 18 de setembro para a categoría infantil (menores de 16 anos) e os días 27 e 29 de setembro para adultos (de 16 anos en diante).
A gran final, na que se decidirán aos/as gañadores/as, terá lugar o día 2 de outubro.