O Concello do Porriño vén de anunciar a aplicación de máis medidas específicas para aforrar auga, en previsión de que empeore a situación de prealerta por seca que afecta á comunidade.

Atendendo á petición do Consorcio de Augas do Louro, que activou o plan de emerxencia ante a situación de seca prolongada, o municipio cortou o baldeo de rúas hai dúas semanas. Agora, de maneira inmediata, procederase ao peche dos sectores de rego en parques e xardíns, así como á detección e redución de fugas que poidan incrementar o consumo.

A escaseza prolongada de precipitacións deste ano fai del o máis seco dende o ano 1980, cun alto risco  de seca en poucos meses. Con tal motivo, ademais de aplicar as medidas a nivel municipal, dende o Concello reiteran a súa petición á poboación de facer un uso responsable da auga.