Unha delegación do Concello do Porriño encabezada por David Alonso, concelleiro de Emprego realizou hoxe unha visita ás instalacións da estación de servizo da firma “Staroil” no polígono da Granxa.
Pablo Val Rodríguez, responsable de dirección e operación de este grupo empresarial de orixe galega, explicou como están a medrar por todo o territorio nacional e expresou ao concelleiro Alonso Bargiela, o agradecemento de “Staroil” pola colaboración estreita co Concello do Porriño que agardan “aínda sexa maior”.
Precisamente “Staroil” é unha das empresas colaboradoras co programa “Porriño Accede” de cursos de formación con prácticas.
O obxectivo desta colaboración foi proporcionar a persoas en desemprego unha oportunidade laboral por medio da formación. “Staroil Porriño” participou no deseño da formación e na acollida de alumnos en prácticas, ofrecendo continuidade laboral a catro deles. “A empresa manifestounos que hai interese en dar continuidade a esta colaboración”, indicou o concelleiro de Emprego.
“No que leva de ano, esta Concellería organizou tamén cursos de formación con prácticas en loxística e carretillas elevadoras, ademais de realizar talleres para a adquisición de técnicas para a busca de emprego, obradoiros de entrevista e formación en intelixencia emocional”, manifestou David Alonso.
Tamén hoxe venres celebrouse no Multiusos de Torneiros, a entrega de diplomas, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, aos 16 alumnos que participaron no curso básico de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración máis o curso específico de oficio de 6 horas para postos de albanelería.