A segunda xornada da I Mostra de ciencias na rúa do Porriño ACIENCIACERTA arrancou hoxe co pregón da madriña, Verónica Salgueiriño Maceira.  “Verónica é a primeira muller científica homenaxeada, a primeira de moitas”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E a primeira tiña que ser, por suposto, unha porriñesa”.

A pregoeira mostrouse emocionada e “honradísima de estar hoxe aquí e poder vincular a ciencia con todo o que aporta, co que nos facilita a vida e tamén a alguén coma min, unha rapaza de Pontellas. Non me cabe máis orgullo no peito que estar hoxe aquí”.

O seu discurso foi seguido atentamente polo público que ateigaba a praza, entre o que se atopaban os/as nenos/as que participaban cos seus proxectos na mostra. Un pregón reivindicativo que tocou aspectos relevantes como a igualdade na ciencia, a aposta pola investigación e a necesidade de coidar a educación pública.

Foi coa educación co que comezou o seu pregón,  apelando a que “é o unico recurso que temos para poder acceder a un ascensor social” e por iso “temos que protexela”. Salgueiriño agradeceu “á comunidade educativa que fai que funcione, e eu estou agradecidísima porque son un exemplo”. “Eu son unha rapaza do rural, filla de pais obreiros que fixeron un gran esforzo para que puidera acceder a unha educación superior, pero ese esforzo non sería suficiente se non contamos cun sistema público de educación”.

No tocante ao social, a pregoeira quixo reivindicar tamén a igualdade e a importancia de estar vixiantes para lograr unha igualdade real. Puxo como exemplo a Marie Curie, “unha investigadora brillantísima, gañadora de dous Premios Novel, e que pese aos seus logros científicos, a pesar das súas capacidades, sufríu a discriminación de xénero”.

Verónica quixo explicar á rapazada o seu traballo no CINBIO, o centro de investigación da Universidade de Vigo, que ten tamén un stand nesta feira. “Eu ademais de ser profe na universidade gago investigación no CINBIO, onde se traballa en Nanomateriais e Biomediciña. Para que me entendades eu intento producir materiais magnéticos moi pequenos para que nalgún momento poidamos meter no corpo humano para resolver problemas de saúde”, explicou, “E para iso fai falta unha financiación basal, neste caso da Xunta de Galicia á que agradezco ese respaldo, porque as institucións permiten que poidamos facer investigación relevante en Galicia”.

O momento máis emotivo chegou ao final, cando no seu pobo e ante a súa xente a científica porriñesa agradeceu á “miña nai, miña naiciña..como dicía Rosalía, porque foi quen todos os días da miña vida me dicía que estudiara. E funcionou, estudiar é o camiño para formar parte desta sociedade e aportar cousas aos demais. Tamén lembrar, como di a canción de Pink Floyd “How I wish you were here”, Diego, como me gustaría que estiveras aquí”.

Nesta primeira xornada teñen moita importancia os centros educativos da vila. Cada un deles, conta cun stand na rúa onde defenderán os seus proxectos ante a veciñanza e ante o xurado científico, formado pola madriña, Verónica Salgueiriño, a farmacéutica, Celia Diz, e o enxeñeiro industrial da CTAG, Julio Sánchez. Eles, co voto ponderado do público, elexirán esta tarde cal é o proxecto gañador.

Cada centro pertence a un equipo, co seu escudo e imaxe, que recordan as casas de Hogwarts. 

Verónica Salgueiriño Maceira, do Porriño á primeira liña científica

Verónica cursou os seus estudos no Porriño. Como xa dixemos Verónica é de Pontellas, polo tanto porriñesa si, pero orgullosa da súa parroquia. Doutorou en Química Física en 2003 pola Universidade de Vigo. Despois dun ano de estancia post-doutoral na Universität Duisburg-Essen (Alemaña), vinculouse á Universidade de Santiago de Compostela como investigadora IPP (Xunta de Galicia). En 2005 levou a cabo unha estancia de investigación na Ira A. Fulton School of Engineering-Arizona State University (USA), en 2008 recibiu o galardón L’Oréal-UNESCO (Women in Science), e en marzo de 2009 volveu á Universidade de Vigo como investigadora Ramón y Cajal. Actualmente é catedrática da universidade no departamento de Física Aplicada e líder do grupo de Nanomateriais Híbridos no Centro de Investigación CINBIO, na Universidade de Vigo.

I Xurado científico de Acienciacerta

A madriña tamén é membro do I Xurado Cientifico Acienciacerta, que terá como misión buscar o mellor proxecto e entregar os galardóns. Os premios consistirán nun trofeo deseñado e esculpido polo artista de Cans, Candán, para as tres categorías establecidas (hai un premio ata 12 anos e outro para maiores de 12, ademais do premio do público). E ademais diso, un lote de material escolar, un lote de libros de ciencias e un lote de cómics para cada categoría. O Grupo Zendal, como entidade patrocinadora, faise cargo dos premios e engade un máis. Unha visita guiada polas súas instalacións para un grupo de estudantes que sairá dos equipos gañadores do certame.

No Xurado Científico, hai un segundo nome, Julio Sánchez López, que rematou Enxeñería Industrial coa especialidade en Automática e Electrónica (Uvigo, 2005). Master en consultoría de software (Uvigo, 2010). Desde o ano 2005 acumula máis de 10 anos de experiencia no desenvolvemento de sistema autónomo e adquisición remota de datos para entornos industriais, así como participando en diversos proxectos de I+D. Incorporouse ao Centro Tecnolóxico AIMEN en 2014 e a súa actividade investigadora centrouse no desenvolvemento e despregue de sensores de corrosión en liña xestionados remotamente utilizando técnicas electroquímicas EIS y LPR para diferentes industrias como caldeiras de biomasa, plantas de enerxía xeotérmica e enerxía eólica mariña. Ten participado como investigador en diversos proxectos nacionais e europeos centrados no desenvolvemento e seguimento de novos materiais resistentes á corrosión, así como en proxectos de aplicación de novos materiais a liñas de produción industrial. Comenta, “…cando estiven en Islandia estiven traballando colocando un sensor nunha planta de reabsorcion de CO2 que agora ultimamente colleu bastante sona nos medios, como a primeira planta no mundo que captura o CO2 e o transforma en rocha”.

Celia Diz Rodríguez é a terceira xuíza, que dende o principio, como os outros dous membros, acolleu o seu nomeamento con enorme agarimo e implicación. Grao en Farmacia pola Universidad Francisco de Vitoria, é a pequena dunha longa saga familiar sanitaria. Con profundas raíces na vila, a súa propia familia é sinónimo de muller e ciencia, pois a súa avoa, Carmen Peralba, foi a primeira muller farmacéutica no Porriño, mentres o avó era médico na localidade. Actualmente Celia está á fronte da farmacia anteriormente rexentada polo seu pai, Vando, unha das farmacias consideradas ben cultural en materia de patrimonio arquitectónico de Galicia. Trátase da famosa ‘Botica Nova’ que Antonio Palacios (actualmente homenaxeado polos 150 anos do seu nacemento e 100 anos dende a construción do edificio do concello) deseñara e construíra para o seu irmán José Palacios. Celia conta cun Diploma de Innovación farmacéutica con especialización en deseño e I+D de fármacos. Tamén ten un Master de Dermocosmética e Nutricosmética.