Imaxe do pleno infantil no Parlamento Galego en 2019

Este martes terá lugar o VIII Foro Autonómico de Participación infantil e Adolescente que organiza o Parlamento de Galicia no que intervirá o alumno porriñés Alejandro Gómez Granja en representación do Consello Municipal da Infancia. A sesión será telemática a partir das 12,30 horas e poderá seguirse a través da páxina web do Parlamento. Deixamos ligazón.

www.parlamentodegalicia.gal

Trátase dun acto organizado por UNICEF Galicia en colaboración co Parlamento Autonómico para conmemorar o Día Universal dos dereitos da Infancia. Ademais dos representantes dos distintos consellos municipais de infancia e adolescencia de toda Galicia, intervirán o Presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, a Presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, representantes dos tres grupos parlamentarios e a Conselleira de Política Social, Fabiola García.

A intervención de Alejandro Gómez Granja, que será o representante dos nenos e nenas do Porriño e que foi elixido entre os/as voceiros/as dos distintos centros educativos, xirará en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles que teñen que ver coa redución das desigualdades, as cidades e comunidades sustentables e a produción e consumo responsable

Lourdes Moure, Concelleira de Educación e promotora xunto ca OMIX do Porriño,  da iniciativa “Cidades amigas da infancia”, indicou que “é un pracer que por terceiro ano consecutivo os nenos e nenas do Porriño teñan oportunidade de expoñer as súas opinións directamente no parlamento autonómico”. Moure Varela convidou “a todos os centros educativos a que poidan seguir a retransmisión do acto a través de internet”.