- O Concello do Porriño e o Festival de Cans promoven dende esta fin de semana unha nova edición do ciclo Cinemaldea, cuxo obxectivo é levar as curtametraxes e o cine ás diferentes aldeas do municipio.
Desde a última fin de semana de outubro, e durante todas as fins de semanas de novembro, as curtas premiadas en Cans chegarán ás parroquias do municipio.
O percorrido comezará esta fin de semana, con dúas sesións. Arrancará este sábado 25 ás 19.00 horas na Asociación Os Penediños de Atios, e continuará o domingo 26, á mesma hora, na Asociación Cultural A Lagoa de Orbenlle. Nesta parroquia de Budiño, haberá unha sesión especial, coa proxección do documental “A Traxedia de Cans”, dirixido por Juanma Lodo, sobre o tráxico accidente de autobús de Cans, en febreiro de 1955, e que tivo un gran impacto en Budiño, de onde eran moitas das vítimas que faleceron. O día 23 de novembro haberá tamén outra sesión especial con este documental na Asociación Cultural A Forna.
Ademais destas datas, a proxección das curtas premiadas na última edición, terá lugar o 2 de novembro na Asociación San Salvador de Torneiros, o 8 e 9 de novembro en Mosende e Pontellas, o sábado 15 de novembro en Cans e o 22 de novembro en Chenlo.
As curtas que formarán parte desta programación, serán “Curmán” de Alejandro Jato, que obtivo o Premio do Xurado na última edición de Cans, ademáis do Premio AISGE a Mellor Actriz para Melania Cruz, Premio RC Service á Mellor Fotografía para Alicia Francés e o Premio do Xurado dos Veciños; “Monstera”, de Diego R. Aballe, que levou o Premio do Público e “Cadáver de Dragón” de Jose Garnelo, que levou o Premio á Mellor Animación, ademáis do Mellor guión. En cada sesión proxectarase tamén o documental “Agroglamour 21”, un traballo arredor do espírito único da aldea de Cans nos días do festival, dirixido polo realizador Javier Sobrado.