O Centro Cultural Municipal do Porriño acolleu hoxe a presentación de Fóra de campo, a obra de Rosalía Fernández Rial que resultou gañadora do Premio Roberto Vidal Bolaño 2024.
Acompañando á autora, estiveron representantes das tres entidades que organizan o certame literario, o Alejandro Lorenzo, alcalde do Concello do Porriño; Raquel Castro, do IES Ribeira do Louro ; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
O Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 naceu pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan anualmente este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, preténdese honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.
Rosalía Fernández comezou a súa intervención agradecendo aos tres vértices do triángulo organizador. En primeiro lugar ao Concello do Porriño por “ter conciencia de que os adolescentes son o noso futuro máis inmediato e entender que o mellor investimento que se pode facer a futuro son eles. E facelo ademais da mellor maneira, coa cultura. O apoio á cultura é un símbolo de democracia”. Ao IES Ribeira do Louro “polo bo facer da súa comunidade educativa” e á Editorial Galaxia “e a todo o seu equipo pola súa boa acollida sempre”.
A autora explicou que coa súa obra quixo poñer o foco nesa parte de atrás das redes sociais, “nesa que non se ve na que se agocha o narcisismo, o engano, o maltrato…todas esas cosas perigosas que non se ven de primeiras”. Pero tamén esa otra parte que a resolve, “ese terceiro acto, “As de fiar” esas que sempre te axudan” e é que “detras do espello todas somos a mesma muller e temos toda unha rede de afectos e sororidade que nos salva”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha vez máis esta iniciativa xa que, obras como a de Rosalía Fernández Rial, “non só enriquecen á mocidade no eido educativo e cultural, senón que tamén lles trasmiten valores como a sororidade, a empatía e o respecto, preparándoos para enfrentar a súa vida desde unha perspectiva máis comprensiva e aberta”.
O rexedor aproveitou para felicitar novamente á autora “xa que é unha verdadeira honra contar co seu nome engrosando o palmarés do Premio Roberto Vidal Bolaño”.
Fóra de Campo, o perigo das redes sociais
Fóra de campo, publicada na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia, conta a historia de Nere, @nerenao para as escasas seguidoras de Instagram, é unha moza dilixente e vivaz que adora as súas amigas e se leva ben coas compañeiras do equipo de vólei. É unha adolescente máis, unha estudante máis dun instituto máis, coma calquera outra. Pero todo cambia cando Gladius, o influencer máis admirado pola comunidade, repara nela. En canto lle pide participar na súa nova serie, a vida dálle un xiro radical. Entra no reino das elixidas e nada volve ser coma antes.
Fóra de campo enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar. Fóra de campo fala unha linguaxe contemporánea onde conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais
Sobre a autora
Rosalía Fernández Rial (Muxía, 1988) é filóloga, doutora en Didáctica das Linguas e da Expresión Dramática pola USC e performer.
Dedícase á escrita desde moi nova e, como poeta, publicou os libros En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016) e Árbores no deserto (Galaxia, 2020). No ámbito da narrativa publicou Bonus Track (Galaxia, 2016), e no do ensaio, o seu traballo Aulas sen paredes (2016) un libro-DVD sobre unha metodoloxía innovadora no ámbito da didáctica das linguas que mereceu o Premio á Mellor Iniciativa Bibliográfica da II Gala do Libro Galego en 2017. En 2024 publica, na colección de Biblioteca de Intervención Social, Mover ficha. É gañadora do Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 por Fóra de campo.