O Concello do Porriño anunciou hoxe os gañadores do Premio Antonio Palacios ao Social, un recoñecemento compartido entre a Rondalla de Pontellas e a Rodalla Santa Eulalia de Atios.

Este premio rende homenaxe a estas agrupacións pola súa labor de socialización, incentivando a convivencia entre os veciños e veciñas de todas as idades nas súas, que se xuntan para facer música e preparar pasarúas, festexar e contaxiar o seu ritmo e a súa ledicia a todos os presentes. As rondallas fan un enorme labor de dinamización social no rural.

20 anos da Rondalla da Asociación Cultural Musical de Pontellas

No ano 2003 algúns veciños de Pontellas deciden retomar a rondalla que recordaban na súa infancia, que por diversos motivos deixara de existir moitos anos atrás. Comezaron de cero, e hoxe en día componse de máis de 90 persoas, entre rondalleiros, músicos de melodías e abandeirados.

Tratábase dunha iniciativa moi familiar e refléxase nos compoñentes, de idades dispares, e incluso con personas de tres xeracións dunha mesma familia.

Foron dos primeiros en incorporar pezas actuais ao seu repertorio, combinando as muiñeiras e cancións tradicionais, con éxitos de Guns N’ Roses, Nino Bravo, Bon Jovi ou As Ketchup.

Esta temporada 23-24 a Rondalla de Pontellas cumpríu 20 anos, nos que conseguiron, ademais de divertirse, gañar en moitas ocasións o Certame de Rondallas do IFEVI .

O seu director, Serafín Rodríguez Rodríguez, confesa que “o máis difícil é atopar o equilibrio entre todos os compoñentes, de distintas idades e capacidades rítmicas e musicais”. “Todo o mundo é benvido. O importante é disfrutar e pasalo ben, que esto é un hobby”.

A Rondalla Santa Eulalia de Atios celebrará o seu centenario a próxima temporada

O día de Reis do ano 1925 é a data máis antiga que se recorda da primeira xuntanza e actuación da Rondalla Santa Eulalia de Atios. Algúns habitantes da parroquia desfilaban polas rúas cos seus instrumentos, e contrataban músicos da zona, incluso de Goián ou A Guarda. Festexaban con música tradicional o día de Reis, e acababan a celebración ás portas da igrexa.

Durante este preto de cen anos, a Rondalla faltou en contadas ocasións aos festexos do día de Reis, sempre por causas de forza maior, como a guerra ou, máis recentemente, a pandemia. Hoxe en día conta cuns 90 compoñentes de tódalas edades, nalgúns casos familias enteiras que seguen a tradición e a transmiten aos cativos e cativas da casa.

No 2018, a antigua directiva con máis de vinte anos ao frente da agrupación, decidiu deixar paso a unha nova xeración, participantes da Rondalla desde ben pequenos, que tomaron as rendas. Coa directiva renovada, chegou tamén a renovación da imaxe, con nova vestimenta, e de repertorio. Ás populares pezas de música tradicional, como as muiñeiras ou as xotas, sumáronse cancións máis modernas e actuais, como o merengue de Manuel Turizo, entre outras.

O pasado xaneiro, a Rondalla de Atios proclamouse campeona no Concurso de Rondallas 2024 e tamén na categoría de Abanderados. Un recoñecemento ao que esta semana suma o I Premio Palacios ao Social, compartido coa veciña Rondalla da Asociación Cultural de Pontellas.