Os concelleiros de Emprego, David Alonso, e de Comercio, Sergio Casal asistiron esta tarde á sesión final do curso de Cociña Creativa con Productos Locais, impartido polo chef galego, Iván Méndez.
Esta actividade formativa está integrada nos itinerarios “Coas mans na masa” que propón a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural que retomou a súa programación despois destes meses de forzosa paralización polo estado de alarma.
O curso impartido no Multiusos de Torneiros para 15 persoas ligadas laboralmente ao mundo da hostalaría, rematou hoxe. O chef Iván Méndez amosou tres elaboracións moi suxerentes: pementos de Padrón recheos de fluído de queixo San Simón; cornete de bacallau con aire de tetilla, e cola de gambón, en crocante de kataifi e froito da paxión.


