• A intervención, cun orzamento total de 74.300 euros —dos cales 10.900 foron achegados con fondos propios e o resto a través do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra—, permitiu mellorar elementos de xogo, renovar pavimentos e valados, e instalar nova sinalización e equipamento.

 

O Porriño, 22 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño vén de completar un proxecto de mellora de espazos públicos que permitiu renovar cinco parques infantís e unha área biosaludable distribuídos por distintas parroquias do municipio. Cun investimento total de 74.300 euros —dos cales 10.900 foron achegados con fondos municipais e o resto a través do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra—, as actuacións supuxeron unha transformación significativa destes espazos de lecer, pensados para o disfrute das familias e especialmente da infancia.

“Trátase dunha intervención que responde ao noso compromiso coa mellora da calidade de vida da veciñanza, en particular dos máis pequenos. Os parques son lugares de encontro, de xogo e de aprendizaxe, polo que era prioritario garantir que sexan seguros, accesibles e ben equipados”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

As obras incluíron a substitución de pavimentos por superficies amortecedoras, a reparación ou reposición de xogos deteriorados, a renovación de valados perimetrais e a instalación de novos elementos biosaludables. Ademais, colocáronse paneis informativos en cada área cos datos de uso, idades recomendadas e teléfonos de contacto para incidencias e urxencias.

As melloras leváronse a cabo en puntos repartidos polas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño. En Cans actuouse nos parques da Graña e do Río Couso, onde se renovaron os solos e se reubicaron algúns elementos de exercicio ao aire libre. En Torneiros, mellorouse o parque da Fase I coa reparación de xogos, renovación do peche e instalación de porterías antivandálicas, mentres que no parque do Alba se substituíron todos os elementos da área biosaludable.

No parque da Costeira, en Mosende, realizouse unha intervención completa que incluíu a renovación do valado, o acondicionamento do terreo e a colocación de céspede artificial. Finalmente, no parque da Forna, en Budiño, creouse unha nova área infantil cun deseño actualizado, xogos renovados e mellora da superficie e dos acabados.

Lorenzo destacou que esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla para mellorar o espazo público en todo o municipio: “Queremos que todos os nenos e nenas de O Porriño teñan acceso a áreas de xogo modernas, independemente da parroquia na que vivan. É unha cuestión de igualdade e de cohesión territorial, e seguiremos avanzando nesta liña nos vindeiros proxectos”.