Remata a mellora das rúas Buenos Aires e Progreso, segundo o proxecto presentado á Xunta de Galicia pola Concellería de Vías e Obras

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente do Goberno de Galicia, ven de rematar as obras de mellora das rúas Buenos Aires e Progreso, segundo o deseño presentado pola Concellería de Vías e Obras do Concello do Porriño, que dirixe Manuel Carrera.

Os traballos realizados nestas rúas abranguen o cambio das redes de abastecemento de auga potable que, segundo indica Carrera “estaban en moi mal estado”. Ademais, engade, colocáronse tres novos pasos de cebra elevados, “que aumentan a seguridade dos centos de condutores e peóns que utiliza as dúas vías a diario”. Ás melloras tamén hai que sumar un ‘cruce’ de saneamento na estrada a Gondomar, o asfaltado e o pintado do firme.

A titularidade das dúas rúas, coma lembra o tenente de alcalde, xa foi pedida á Xunta polo Concello do Porriño cun proxecto que contempla, cunha partida orzamentaria de 1,5 millóns, o aumento do ancho das beirarrúas nos dous sentidos de circulación, a reforma integral e substitución da rede de saneamento, a colocación de sinalización e un novo alumeado, dado que “estamos a falar de rúas que soportan cada día unha cantidade de tráfico moi elevada”.