O Porriño reivindicou hoxe un futuro onde a diversidade sexa o motor dunha sociedade xusta e inclusiva. Da man de Aceesca e secundando o movemento “Baixo o mesmo paraugas” a vila conmemorou o Día Internacional das Persoas con Diversidade. 

A xornada comezou cunha andaina polo centro da vila á que se sumaron centos de escolares do municipio así como usuarios e usuarias do centro de día e de AFAGA.  Xa na praza do Concello celebrouse o tradicional concurso de paraugas. Cada un dos centros participantes decoraron un paraugas reivindicativo e foi un xurado de Aceesca quen outorgou os premios. Desta vez, o gañador foi o do colexio Hermanos Quiroga, seguido do de Aceesca e do colexio Antonio Palacios. 

O momento culminante foi a lectura do manifesto de “Os Dez de Porriño”, que expuxo un contundente chamado á acción para derrubar barreiras e garantir os dereitos das persoas con diversidade. O texto foi máis que un discurso; foi unha folla de ruta cara á inclusión plena.

O grupo destacou a necesidade de que as persoas con diversidade sexan escoitadas e respectadas como protagonistas das súas propias vidas. “Esiximos ser protagonistas de nosas propias vidas, con dereito a tomar decisións de forma autónoma e a vivir cunha liberdade que é propia de todas as persoas”, declararon.

No ámbito laboral, o manifesto subliñou a importancia da igualdade de oportunidades e dos apoios necesarios para garantir un emprego digno

“A accesibilidade universal non é un luxo, é unha necesidade”, salientaron, reivindicando tanto a eliminación de barreiras físicas como o acceso á información e servizos de maneira comprensible para todos.

Os autoxestores fixeron un chamamento á sociedade para que se respecten unha serie de dereitos fundamentais, enumerados no seu manifesto: o dereito á non discriminación, o dereito á familia e a unha vida independente, o dereito ao acceso a unha saúde integral, o dereito á identidade propia, o dereito a unha vivenda digna e accesible e o dereito á liberdade de expresión, pensamento e privacidade.

O manifesto concluíu cunha declaración rotunda: “Queremos vivir nunha sociedade na que a diversidade sexa sinónimo de oportunidades para todos e todas”.

 

A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, salientou que “a atención á diversidade non se pode quedar nunha celebración anual de reivindicación, para nós é unha cuestión trasversal na política municipal, co obxectivo de facer a todas as persoas partícipes da nosa sociedade, facilitando o seu acceso e habilitando espazos nos que poidan desenvolver todas as súas capacidades”. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de clausurar o acto reivindicando a diversidade como “algo esencialmente humano que debemos celebrar”. O rexedor lembrou que “non importa como somos ou como nos expresemos, baixo este paraugas compartimos o máis importante, o dereito a ser quen somos”. Lorenzo incidiu na necesidade de asegurar que ninguén quede atrás e comprometeuse a loitar con eles “por unha sociedade inclusiva, onde educación, cultura, emprego e participación sexan accesibles para todas e todos”. O rexedor agradeceu a “as persoas que forman Aceesca por lembrarnos que aínda que teñamos diferentes capacidades os nosos soños e o dereito a facelos realidade deben ser iguais para todos”.