Preto de 200 escolares de tódolos centros educativos do Porriño participan nos vindeiros días da coñecida como Semana Branca. Unha actividade consistente nunha viaxe de tres días a unha estación de esquí de San Isidro, provincia de León.
Están organizadas tres saídas, a primeira delas foi hoxe luns, 10 de marzo, con alumnado, acompañado de docentes, dos colexios Antonio Palacios e Budiño; a segunda será o día 12, cando partirán estudantes do CEIP Fernández López e do Ribeira e, por último, o alumnado de Atios, Hermanos Quiroga e Santo Tomás irase o luns seguinte, 17 de marzo. 55 persoas integran o primeiro grupo, 60 o segundo e 69 o terceiro.
A iniciativa está organizada pola Asociación Xornadas Brancas en colaboración, un ano máis, co Concello do Porriño que realiza unha achega de 20.000 euros a través da sinatura dun convenio con este colectivo constituído por tódolos centros de Educación Primaria do municipio.
O alcalde Alejandro Lorenzo explica que estas excursións á neve realízanse cun dobre obxectivo, “por unha parte a práctica do esquí, aprendendo nocións básicas desta modalidade deportiva, combinando con xogos multideporte na neve como trineos, xogos tradicionais, de grupo… e por outra banda, e non menos importante, a convivencia entre compañeiros, traballando a responsabilidade, a independencia e o respeto”. Na mesma liña, a concelleira de Educación, Carolina González, destaca as cualidades de actividades como esta, “enriquecedoras, que aportan boas experiencias e un bo recordo”.