• O pleno vén de aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito para abonar 115 facturas por importe de 231.000 euros e a baixa na contabilidade doutra ducia que suman 177.000 euros
  • Na sesión desta mañá ratificouse o orzamento para este 2023 e iniciáronse os trámites para a concesión do aparcamento da Avenida de Galicia

 

Fai pouco máis de ano e medio, cando entrou o goberno actual no Concello do Porriño existían centos de facturas sen aboar, con data de 2016 en adiante, que sumaban un importe de 5,5 millóns de euros. Logo das xestións do equipo de goberno liderado polo alcalde Alejandro Lorenzo e pendente unicamente de diversas resolucións xudiciais, que auguran serán favorables á administración local, esta cifra quedará a cero a finais deste 2023.

“A gran maioría destas facturas, como demostramos neste tempo, eran irregulares e sen ningún tipo de contrato. Fomos reducindo a cifra logo das revisións e comprobacións correspondentes”, explica o rexedor. “Devolvéronse facturas duplicadas, que xa se pagaran, ou que non se demostraba a veracidade ou os prezos de mercado por importe de case 2 millóns de euros. Ademais, o Concello gañou sentencias xudiciais que denegaron o pago reclamado por empresas de case outro millón máis”, engade.

A día de hoxe deses 5,5 millóns iniciais quedaban pendentes de pago 819.202,03 euros, correspondentes a 201 facturas. Delas, 115 que suman 231.22,27 euros aboaranse de xeito inmediato a través do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que foi aprobado por unanimidade esta mesma mañá en pleno.

Por outra banda, figuran 74 facturas por importe de 410.833,35 euros que quedan excluídas do recoñecemento extraxudicial. Dentro deste apartado están, por unha parte 71 facturas de dúas entidades que se atopan xudicializadas pendente de sentenza firme logo de seren recorridas polas empresas; e por outra, tres facturas sometidas a revisión de oficio e ditaminadas polo Consello Consultivo.

Por último, nun terceiro apartado atópanse 12 facturas presentadas en 2021 por servicios de limpeza viaria e lavado de colectores realizados nos ano 2019 e 2020, cuxo importes suman 177.143,41 euros, que se devolven e se dan de baixa na contabilidade municipal (conta 413) ao non demostrarse a súa veracidade.

O pleno extraordinario celebrado esta mañá serviu tamén para ratificar e aprobar definitivamente o orzamento do Concello do Porriño para este 2023, que ascende a 19 millóns de euros, o máis alto da historia, e tamén para iniciar os trámites dunha nova concesión para o aparcamento subterráneo da Avenida de Galicia.

Dende o ano 2014 a empresa concesionaria deste aparcamento non pagaba o seu canon anual, polo que o actual goberno procedeu a reclamar esa débeda, incautar o aval que tiñan e expulsala, quedándose o Concello ao fronte das instalacións. Agora, no pleno de hoxe aprobouse o estudo de viabilidade económico financeiro do contrato de concesión, así como tamén o regulamento de funcionamento do aparcadoiro.