A Carreira Nocturna de Reis que celebrará O Porriño o vindeiro 8 de xaneiro “é un concepto novo, fuximos das clásicas San Silvestres que se solapan a finais de ano e apostamos por unha proba orixinal”, dixo hoxe David Alonso, concelleiro de Deportes na presentación do evento.

Xunto ao concelleiro responsable, compareceron o alcalde accidental do Porriño, Pedro Pereira e o triatleta Gustavo Rodríguez, medalla de prata xunto a Héctor Catalá nos Xogos Parolímpicos de Toquio,  quen interveu como padriño da presentación.

Alonso Bargiela explicou as características do percorrido de 3 quilómetros, que parte da rúa Antonio Palacios, á altura do Instituto “Pino Manso” e remata en pendente fronte ao Pavillón Municipal de Deportes.

A partir de mañá mércores ábrese o prazo de inscrición, que se pode realizar “online” na páxina web www.carreirasgalegas.com, baixo o patrocinio da Federación Galega de Atletismo e coa colaboración do Club Atletismo Porriño.

O concelleiro de Deportes anunciou que todos os participantes deberán presentar, como requisito indispensable, o pasaporte de vacinación contra o Covid ou a proba negativa.

Gustavo Rodríguez agradeceu a súa elección como “cabeza visible deste evento” e expresou o seu desexo de que “as lesións evolucionen e permitan vir ao Porriño e facer algunha rodaxe ese 8 de xaneiro e gozar do ambiente da carreira que de seguro será un éxito”, afirmou o triatleta tudense, vinculado ao Porriño.

O alcalde accidental, Pedro Pereira considerou un éxito a decisión de David Alonso de trasladar a carreira a xaneiro e agradeceu a asistencia de Gustavo Rodríguez á presentación “porque é un reclamo para fomentar a participación tanto de afeccionados como de profesionais”.

Pereira Fernández desexou prometeu que a evolución da actual sexta onda da pandemia non nos impide poder celebrala. “Estamos nunha situación sanitaria complicada e se houbese un aumento das restricións decidiríamos atrasar a data da celebración”, indicou o alcalde accidental.