A concelleira de Vías e Obras de Porriño, Lourdes Moure e o seu homólogo de Salceda, Miguel González acordaron hoxe dar unha solución máis integral ao problema das inundacións que se produce en Budiño.

A inundación de fincas no Rego da Lama-Casal, viuse agravada polos recentes traballos realizados no almacén de “Amazon” pola empresa “EAM” que xa prometera a semana pasada solucionar desviando a auga á rede de pluviais.

Non obstante, tras a reunión mantida esta mañá no terreo polos concelleiros de ambos municipios, acordouse estender esta canle ata o límite co concello de Salceda, que, pola súa banda, tamén prolongará os traballos para solucionar un problema similar.