Con motivos das Festas do Cristo do Porriño, o músico Pancho Álvarez impartirá un obradoiro instrumental dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos de idade, que terá lugar os días 18 e 19 de setembro ás 17:00 h no Centro Cultural Municipal.
Trátase dunha experiencia inmesirva onde os/as asistentes poderán coñecer diferentes instrumentos de corda, por orde cronolóxica, desde a lira da idade de bronce ata a guitarra eléctrica, pasando polos instrumentos do Pórtico da Gloria de Santiago ou do Pórtico do Paraíso de Ourense. Álvarez interpretará cantigas medievais, muiñeiras, xotas, alboradas e outras composicións de corte tradicional con instrumentos como a zanfona, a vihuela renacentista, a guitarra barroca, ou a viola de gamba, entre outros, e acompañarase de proxeccións e explicacións.
O obradoiro dividirase en sendos grupos dun máximo de 30 rapaces/as e unha duración aproximada dunha hora. Os asistentes poderán acompañar nas diferentes pezas con percusións e palmas. É imprescindible inscribirse previamente neste obradoiro para poder participar. Os interesados poderán facelo a través do Rexistro Xeral do Concello, ben presencialmente ou a través da sede electrónica.
Pancho Álvarez confesa que “compartir calquera cousa co Porriño sempre é un pracer porque é o meu pobo e o será sempre, e poderlle amosar, sobre todo á xuventude, instrumentos que non é nada fácil ver nos escenarios hoxe en día, sen embargo están expostos en pórticos e monumentos. Neste caso os rapaces e rapazas do Porriño teñen a oportunidade de escoitalos e tocalos. É precioso poder compartir con eles melodías de todo tipo: tradicionais, medievais, barrocas e incluso cancións que eles mismos recoñecerán e poderán cantar comigo”. “Tocar un instrumento é algo que ten que ser pracentero, nunca debería ser unha obligación ou un tormento. É lóxico que nos procesos de aprendizaxe haxa algúns momentos duros, pero os nenos teñen que gozar coa música e aprender a ler música para poder sentir máis plenamente o que moitas melodías pretenden transmitir”, engade o músico porriñés.
“É unha honra poder contar co noso querido Pancho nas Festas do Cristo, un dos nosos músicos máis internacionais e o mellor embaixador da nosa cultura galega por todo o mundo. Quén fora neno para poder participar no seu obradoiro e aprender dun mestre coma el!”, comenta o rexedor, Alejandro Lorenzo.
Un músico por vocación e de devoción
Pancho Álvarez síntese atraído pola música desde que tiña 10 anos, cando comeza a tocar a guitarra. Uns anos máis tarde estuda solfeo e violín no Conservatorio de Vigo e empeza a súa andadura no grupo “Na Lúa”, no que permanece quince anos e co que realiza as súas primeiras xiras pola Península Ibérica, Europa e Sudamérica.
Ao longo da súa traxectoria, Álvarez mostra as súas facetas de intérprete, compositor, arranxista e productor, tanto a nivel individual ou grupal, como Matto Congrio ou Grupo Tres, e mesmo como artista convidado para outros grupos. Desde 1995 colabora con Carlos Núñez e desde o 1997 con The Chieftains. Con eles ten percorrido o mundo enteiro, con concertos nos 5 continentes, desde Xapón ou Australia, ata América, e enchendo escenarios tan emblemáticos como o Royal Albert Hall de Londres, o Carnegie Hall de Nova York ou a Ópera de Sidney.
Con 26 discos ás súas costas, 6 como artista en solitario, Pancho Álvarez é un dos representantes máis internacionais da música galega tradicional, da que comenta que “está en continua evolución, chea de novas propostas, e esto é o mellor que lle pode pasar á música tradicional, porque é unha música que vai sempre parella aos tempos no que vai vivindo e coa que se van unindo as novas sonoridades coas que se intrepreta a música hoxe en día. Está nun bo momento”.
Entre os recoñecementos recibidos, salientan o Grammy á Mellor Música do Mundo 1997 pola súa colaboración no disco “Santiago” co grupo “The Chieftains”; o Premio ao Disco Folc Europeo 1998 da revista Folk World polo seu disco en solitario “Florencio, o cego dos vilares”, e Goya á Mellor Banda Sonora 2005 por “Mar Adentro”, filme que recibe tamén o Óscar á Mellor Película de Fala Non Inglesa. “Son un afortunado, porque gozo moitísimo co meu traballo e estou sempre aprendendo cousas novas”, remata Álvarez.