As obras de recuperación da antiga Escola Unitaria de Covelo, na parroquia de Atios, están chegando á súa finalización logo dun traballo levado a cabo polas concellerías de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, e de Emprego e Formación e Benestar, a fronte das cales está Soledad Girón.
Precisamente, a Concellería de Vías e Obras vén de rematar a colocación das fiestras, portas e persianas no inmoble, cun investimento total de 24.000€ con cargo ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra.
Manuel Carrera sinala que as novas fiestras son de PVC, de cor branca no interior e alumiño no exterior, “gardando a estética xeral deste edificio que finalmente podemos dicir que vaise a recuperar para as veciñas e veciños de Atios”.
Novo tellado
O alcalde accidental lembra que “xusto hai un ano”, substituímos o tellado que, daquela, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” mudalo dada que as filtracións poderían causar o derrubo do mesmo.
Carrera subliña que, coma neste caso, aquela obra fíxose con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, que abranguía a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados, para o cal dispúxose dun orzamento total de 60.080,71€.